PROGRAMA

Este programa non é só unha listaxe de intencións, é un proxecto integral e colectivo con prioridades claras e mecanismos de seguimento para
Re-Imaxinar a UVigo

U+I – UNIVERSIDADE MÁIS INTELIXENTE

U+I 1. Portal único MeUVigo e identidade dixital

Unificar nun portal único para toda a comunidade universitaria a integración centralizada de trámites, información académica e administrativa ou a comunicación personalizada. Unha soa fiestra, con autenticación única e paneis adaptados a cada colectivo. O portal actuará como punto central de acceso, filtrado da información que se desexa recibir, notificacións proactivas ou seguimento de expedientes. 

Redeseñar progresiva e gradualmente os procedementos administrativos para que se xestionen de forma completamente dixital, cun expediente único e seguimento integral. Incorporar automatización intelixente para a validación documental, o enrutado de expedientes e a xestión de prazos, garantindo maior rapidez, trazabilidade e seguridade xurídica. Crearase un catálogo único de trámites con formularios electrónicos autocompletados que incremente os que xa existen, aplicando de forma efectiva o principio de “unha soa vez” para reutilizar datos xa dispoñibles na administración: que a Universidade non pida un documento que xa ten. Esta medida incluirá a revisión periódica de procedementos, a simplificación de convocatorias e a aplicación de regras de silencio positivo en trámites menores. 

Desenvolver un xemelgo dixital da UVigo que permita simular escenarios de matrícula, orzamento, carga docente e uso de espazos, integrando datos académicos, económicos e de servizos. A ferramenta servirá como apoio á planificación estratéxica e á avaliación do impacto das decisións. 

Ofrecer itinerarios de capacitación dixital e en alfabetización de tecnoloxías e datos adaptados a cada colectivo (estudantado, PDI e PTXAS), co obxectivo de facilitar o uso dos novos servizos, reducir resistencias ao cambio e asegurar unha adopción efectiva das ferramentas dixitais. 

Aprobar un marco estratéxico integral de dixitalización que actúe como a folla de ruta única para a transformación tecnolóxica da Universidade, como compromiso de goberno con prazos concretos, orzamento vinculado e indicadores de cumprimento (KPIs) claros e transparentes. 

Crear un sistema básico de gobernanza especializada en materia dixital pero sen duplicidades: un rexistro de aplicacións tecnolóxicas empregadas pola UVigo coa información esencial de cada unha delas; un comité de ética tecnolóxica; unha unidade transversal encargada de analizar, redeseñar e mellorar de forma continua os procedementos administrativos, coordinando as políticas de simplificación, automatización e experiencia da persoa usuaria, e avaliando o impacto real das melloras implantadas. 

Este modelo apoiarase nunha colaboración clara entre o goberno e os servizos administrativos, diferenciando as responsabilidades políticas das funcións técnicas e de xestión, e promovendo sinerxías estables para a mellora da universidade. 

Aprobar unha guía de boas prácticas para o uso da Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX), ou para calquera outra tecnoloxía emerxente que o requira. Permitirá coñecer cando e como se poden empregar na UVigo ditas tecnoloxías no marco das actividades docente, investigadora e da xestión administrativa, de xeito que se permita o aproveitamento máximo das mesmas pero coa imprescindible seguridade xurídica e compromiso ético. 

Despregar un modelo de atención omnicanal que combine autoservizo dixital, atención conversacional (por exemplo, chatbots) e acompañamento humano nos casos complexos. O modelo incluirá a figura do xestor de casos para trámites sensibles ou de alta complexidade, garantindo coherencia nas respostas, seguimento personalizado e redución de derivacións innecesarias. 

Integrar no portal MeUVigo un acceso claro, visible e seguro aos servizos de igualdade, benestar e acompañamento, incluíndo información sobre dereitos, canles de consulta e apoio, acceso ao protocolo fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, recursos de atención psicolóxica e social e seguimento dos trámites que requiran especial protección da persoa. A modernización dixital da universidade debe servir tamén para achegar a institución a quen máis apoio precisa, reducindo barreiras, evitando derivacións innecesarias e facilitando unha resposta máis áxil, humana e coordinada. 

Incrementar e reorganizar os recursos humanos destinados ao apoio informático para asegurar unha resposta áxil ás necesidades de toda a comunidade. A tecnoloxía debe liberar de carga de traballo ao persoal académico e de xestión, e para iso é imprescindible un soporte técnico humano, próximo e eficiente. 

Elaborar e aplicar un plan de ciberseguridade e protección de datos que inclúa prevención, resposta ante incidentes e formación do persoal. Trátase de desenvolver un ecosistema seguro para protexer a integridade e confidencialidade dos datos da comunidade universitaria, cun plan de resposta ante incidentes e o reforzo das infraestruturas críticas fronte a ciberataques.  

Pór á disposición de todo o estudantado, PDI e PTXAS, así como de unidades e centros, un espazo de almacenamento na nube da UVigo. Garantiremos un sistema seguro, propio e de alta capacidade para albergar a actividade académica, investigadora e de xestión, asegurando a soberanía dos nosos datos.  

Fomentar, no posible, o uso de ferramentas de software libre e estándares abertos no desenvolvemento dos novos servizos dixitais, garantindo a autonomía da universidade sobre as súas ferramentas e facilitando a colaboración e o intercambio coas outras universidades galegas e do Estado e o impulso de colaboracións con entidades públicas ou privadas especializadas.  

Poñer en marcha un programa integral de goberno do dato que defina roles,  estándares, calidade e seguridade da información, acompañado dun sistema de indicadores clave e cadros de mando accesibles para a toma de decisións baseada en evidencias. Este sistema permitirá incorporar analítica operativa e preditiva para apoiar a planificación académica, a retención do estudantado, a avaliación de políticas universitarias, así como a mellora da xestión administrativa. 

Garantir a rendición de contas mediante un portal de transparencia que se alimente de forma automática do sistema de datos institucional, facilitando o acceso público a indicadores de xestión, uso de recursos e resultados académicos en formato de datos abertos e reutilizables. 

Potenciar a infraestrutura de servidores e o soporte humano para que centros, departamentos e grupos de investigación dispoñan de webs automatizadas sen necesidade de recorrer a empresas externas. Implantaremos un xestor de contidos único que tamén facilitará a creación áxil de páxinas web persoais ou para eventos académicos.  

Elaborar un manual de procesos de xestión e un cadro de clasificación documental, adquirir un novo xestor de documentos e automatizar certificacións e sinaturas electrónicas.  

Coordinar a implantación integral de sistemas de tecnoloxía complexa en toda a Universidade é fundamental para que se actúe coa cohesión necesaria. A coordinación evita que a tecnoloxía se implemente de xeito fragmentado ou desigual entre centros ou campus. Ao coordinar a introdución de sistemas intelixentes, garántese a interoperabilidade e asegura un marco ético e de seguridade unificado que protexe á comunidade. 

DIE – DOCENCIA E INNOVACIÓN EDUCATIVA

DIE 1. Recoñecemento do esforzo docente en grupos numerosos

Establecer mecanismos de recoñecemento específico para o profesorado que imparte docencia en grupos numerosos, tendo en conta a maior carga de planificación, avaliación, coordinación e seguimento do estudantado. Este esforzo deberá reflectirse de maneira efectiva no cómputo da dedicación docente, incorporando criterios máis xustos e realistas que o simple número de horas lectivas. 

Impulsar un complemento ou sistema específico de recoñecemento da produción docente que valore de maneira obxectiva, transparente e estable a calidade do labor desenvolvido polo profesorado. Este recoñecemento terá en conta aspectos como a innovación metodolóxica, a avaliación continua, a coordinación docente, a elaboración de materiais, a mentoría e o impacto na aprendizaxe, contribuíndo a equiparar o valor institucional da docencia ao da investigación e da transferencia. 

Implantar unha planificación plurianual do POD que permita anticipar as necesidades docentes de cada departamento e área de coñecemento, reducindo a dependencia de modificacións excepcionais e mellorando a estabilidade na asignación da docencia. Esta planificación non substituirá o POD anual, senón que o reforzará cun marco de previsión a medio prazo que achegue máis certeza, facilite a organización docente e permita adoptar decisións con maior anticipación. 

Implantar un inventario de equipamento docente e un calendario de renovación actualización e mantemento preventivo en laboratorios, talleres e aulas, garantindo tamén a revisión periódica do software e das licenzas necesarias tanto para a docencia como para o estudantado. O plan incluirá protocolos de seguridade adaptados á tipoloxía de cada espazo, así como indicadores de incidencias e tempos de resposta que permitan mellorar a xestión e asegurar condicións axeitadas para a aprendizaxe.  

Construír un ecosistema estable de innovación docente baseado en convocatorias anuais de proxectos con financiamento, acompañamento metodolóxico e avaliación do seu impacto. Revisaranse e reforzaranse as iniciativas e grupos xa existentes para facelos máis útiles, abertos e sostibles, e crearanse mecanismos para documentar, compartir e escalar as prácticas que funcionen, evitando que queden en experiencias illadas. A UVigo promoverá tamén a participación do profesorado en convocatorias externas de innovación educativa. 

Desenvolver unha estratexia institucional de formación ao longo da vida baseada nunha oferta estable, flexible e conectada coas necesidades profesionais e sociais, articulada a través de microcredenciais, títulos propios e formatos modulares. A UVigo deberá ordear esta oferta, reforzar o seu recoñecemento institucional, mellorar a súa visibilidade e vinculala á empregabilidade, á recualificación profesional e ás necesidades da contorna. 

Crear un programa propio, competitivo e con financiamento suficiente de colaboración estudantil en unidades docentes e de investigación da UVigo, semellante ás convocatorias estatais de bolsas de colaboración. Esta medida reforzará a aprendizaxe práctica, a iniciación á investigación, o vínculo do estudantado coa vida académica e a identificación temperá de talento. 

Reforzar o Programa Universitario de Maiores mediante a creación dunha estrutura estable con presenza nos tres campus, coordinación académica, visibilidade institucional e unha oferta equilibrada, garantindo condicións axeitadas de organización, apoio e continuidade. 

Crear itinerarios, módulos avanzados e fórmulas flexibles de participación que permitan ao estudantado do Programa Universitario de Maiores continuar vinculado á UVigo máis alá dos catro anos, favorecendo a aprendizaxe ao longo da vida, a participación activa na comunidade universitaria e o aproveitamento do seu capital humano e social. 

Implantar un sistema institucional, estable, anual e sen solicitude previa, de recoñecemento da excelencia na actividade docente, investigadora e de transferencia, co obxectivo de visibilizar, incentivar e agradecer o traballo ben feito, reforzar a motivación profesional e facilitar o recoñecemento da excelencia nas traxectorias académicas e profesionais. 

O sistema permitirá a emisión automática de recoñecementos oficiais e acreditacións institucionais certificadas pola Universidade, baseadas en indicadores obxectivos e verificables, que poderán ser incorporadas directamente ao CV institucional e profesional das persoas recoñecidas, así como empregarse en procesos de acreditación, concursos e convocatorias.  

Serán obxecto de recoñecemento, entre outros, os resultados excelentes nas enquisas de avaliación docente, as publicacións científicas en revistas de moi alto impacto e a captación de proxectos competitivos ou contratos de transferencia de alto impacto social ou económico. 

Actualizar o sistema de avaliación docente por parte do estudantado para facelo máis útil, máis participativo e máis orientado á mellora real da docencia. Revisaranse os cuestionarios, promoverase unha maior participación do alumnado e estableceranse mecanismos de retorno dos resultados, acompañados de plans de apoio e formación para o profesorado que precise mellorar determinados aspectos. A universidade fomentará ademais entre o estudantado a idea de que participar nestes procesos é un dereito e tamén unha responsabilidade compartida coa calidade do ensino. 

O sistema permitirá a emisión automática de recoñecementos oficiais e acreditacións institucionais certificadas pola Universidade, baseadas en indicadores obxectivos e verificables, que poderán ser incorporadas directamente ao CV institucional e profesional das persoas recoñecidas, así como empregarse en procesos de acreditación, concursos e convocatorias.  

Serán obxecto de recoñecemento, entre outros, os resultados excelentes nas enquisas de avaliación docente, as publicacións científicas en revistas de moi alto impacto e a captación de proxectos competitivos ou contratos de transferencia de alto impacto social ou económico. 

Deseñar itinerarios flexibles e modulares de formación continua en competencias docentes para o PDI, con recoñecemento institucional e orientación práctica. Estes itinerarios combinarán cursos, obradoiros, formación en liña, participación en proxectos de innovación e espazos de aprendizaxe compartida, priorizando a utilidade real para mellorar a docencia por riba dunha lóxica meramente acumulativa de credenciais. 

Incorporar de forma estable nos itinerarios de formación do PDI contidos sobre igualdade, prevención do acoso e das violencias sexuais, detección temperá de situacións de discriminación e creación de contornas seguras e respectuosas na aula. A universidade apoiará tamén a incorporación da perspectiva de igualdade na práctica docente, nos materiais, na interacción co estudantado e nos procedementos de acompañamento, entendendo que unha boa docencia tamén implica coidar o clima de aprendizaxe e garantir o respecto a todas as persoas. 

Crear unha rede institucional de mentoría docente integrada por profesorado con experiencia contrastada, destinada a acompañar especialmente o profesorado novel e aquel que queira incorporar novas metodoloxías ou mellorar a súa práctica docente. Esta rede organizarase en comunidades de práctica por áreas ou ámbitos afíns, con encontros periódicos para compartir experiencias, retos e solucións, e contará con mecanismos de recoñecemento do labor de mentoría e facilitación. 

Impulsar un programa institucional de Aprendizaxe-Servizo para promover proxectos docentes nos que o estudantado aplique os seus coñecementos á resolución de necesidades reais da contorna social, reforzando a responsabilidade cidadá e a conexión da UVigo co territorio nos tres campus. O programa incluirá recoñecemento académico para o alumnado e recoñecemento profesional para o profesorado participante. 

Impulsar programas e convocatorias específicas para integrar a intelixencia artificial como ferramenta de apoio á aprendizaxe e para promover metodoloxías activas, como a clase invertida, a aprendizaxe baseada en proxectos ou a gamificación, sempre cun enfoque ético, crítico e pedagoxicamente xustificado. Esta medida irá acompañada dunha política institucional de IA con orientacións claras sobre usos permitidos e non permitidos, protección de datos, integridade académica e formación para todos os colectivos universitarios. 

Desenvolvemento dun plan de formación, asesoramento, apoio e impulso orientado ao uso do galego, así como á elaboración de materiais propios e de guías e recursos docentes. 

Impulso da cultura universitaria no territorio, promoción da divulgación científica e cultural, e desenvolvemento dunha estratexia de plurilingüismo que inclúa o portugués sen prexuízo do papel central do galego. 

Reforzar o diálogo permanente cos centros para identificar fortalezas, necesidades e oportunidades de mellora das titulacións, tanto para propoñer novos títulos como para revisar e actualizar os xa existentes. Esta liña incluirá unha análise estratéxica do mapa de graos e mestrados, con especial atención á competitividade, á empregabilidade, aos graos abertos, aos títulos internacionais e aos programas duais. 

Neste marco estudarase tamén a posibilidade de facilitar itinerarios que permitan ao estudantado cursar unha segunda mención dentro do mesmo grao, cando a estrutura do título e a planificación docente o permitan, co obxectivo de ampliar a especialización e mellorar a empregabilidade sen alongar de maneira innecesaria o percorrido académico. 

Ofrecer apoio ao profesorado para deseñar estratexias de avaliación continua que sexan claras e asumibles, garantindo que o estudantado coñeza con antelación os criterios de avaliación e que estes estean recollidos con claridade nas guías docentes. A universidade facilitará ferramentas, modelos e recursos integrados na plataforma de xestión da aprendizaxe para favorecer unha implantación sinxela e útil, evitando cargas burocráticas innecesarias. 

Desenvolver un plan de dotación e renovación progresiva das aulas para garantir condicións axeitadas de conectividade, apoio á docencia e accesibilidade universal. A medida incluirá cámaras, micrófonos, pantallas e outros recursos tecnolóxicos, un inventario actualizado dos espazos docentes, formación básica para o profesorado no uso destas ferramentas, un calendario de mantemento con soporte técnico programado e a adaptación das aulas aos requisitos de accesibilidade. 

Promover experiencias de docencia internacionalizada mediante fórmulas flexibles e progresivas, entre elas a metodoloxía COIL (Collaborative Online International Learning), que permitan desenvolver actividades compartidas con universidades estranxeiras a través de ferramentas dixitais. Así mesmo, a UVigo apoiará a creación de dobres titulacións e programas conxuntos internacionais e favorecerá a preparación de itinerarios que poidan optar no futuro a selos europeos vinculados a títulos compartidos. 

Desenvolver un programa institucional de captación de estudantado, en colaboración cos centros e coas titulacións, adaptado ás características e necesidades de cada ámbito de coñecemento. O obxectivo será mellorar a visibilidade da oferta académica da UVigo, reforzar a conexión cos centros de ensino e atraer novo alumnado en todos os niveis formativos. 

Esta liña completarase co reforzo do Servizo de Información ao Estudante como servizo de acollida, orientación e acompañamento, para ofrecer apoio claro e próximo en cuestións como matrícula, bolsas, itinerarios, mobilidade, vivenda e integración na vida universitaria. 

Impulsar unha universidade de verán con programación propia nos tres campus, orientada á formación complementaria, á divulgación, á conexión coa contorna e á proxección social da UVigo. Esta iniciativa permitirá abrir a universidade a novos públicos, reforzar a formación ao longo da vida e crear espazos académicos máis flexibles e visibles. 

Recoñecer no POD aquelas actividades docentes que esixen unha dedicación adicional e un labor específico de adaptación, acompañamento ou atención singular ao estudantado. Incluirase neste marco o labor de adaptación do profesorado que atende alumnado do programa PIUNE, con criterios proporcionais e transparentes segundo o tipo de adaptación requirida, así como a docencia impartida no Programa Universitario de Maiores (PUM), en atención á súa especificidade e ao valor formativo desta oferta.

I+T – INVESTIGACIÓN E TRANSFERENCIA

Implantar un modelo de carreira investigadora estruturado supón dar un paso decisivo cara a unha universidade máis atractiva e competitiva. Propoñemos desenvolver itinerarios claros tipo “tenure track”, con fitos temporais definidos, avaliación externa periódica e criterios públicos de progresión. Un sistema baseado na transparencia, no mérito e na estabilidade, que permita planificar a traxectoria profesional con maior seguridade, reter talento e ofrecer oportunidades reais de desenvolvemento dentro da propia institución. 

Incorporar a perspectiva de igualdade no desenvolvemento da carreira académica e investigadora mediante o seguimento periódico de indicadores sobre acceso, estabilización, promoción, retribucións, liderado de grupos, dirección de proxectos, sexenios, transferencia, premios e presenza nos órganos de decisión. Sobre esa base definiranse medidas correctoras, obxectivos medibles e mecanismos de seguimento que permitan reducir as fendas de xénero e garantir que o talento poida progresar en condicións máis xustas, transparentes e equilibradas.  

Implantar medidas de exención docente, apoio institucional con persoal e/ou recursos económicos, recoñecemento social, etc. das investigadoras e investigadores que impulsen a excelencia da UVigo de forma relevante a través do avance científico, o recoñecemento social, internacional ou a captación  de fondos.  
 

Impulsar un programa específico para reter talento excelente, mediante mecanismos de apoio á consolidación investigadora e acompañamento na captación de axudas competitivas. A iniciativa incluirá a definición de traxectorias profesionais claras, con fitos orientados á estabilización e ao desenvolvemento sostido dentro da Universidade de Vigo.  

Reforzar con máis recursos e persoal especializado as oficinas de apoio á captación de financiamento e transferencia, co obxectivo de incrementar as taxas de éxito, facilitar a participación en proxectos internacionais e reducir a carga administrativa do persoal investigador. 

Ofrecer apoio integral na captación de proxectos competitivos mediante formación, mentorización, soporte técnico e acceso a servizos especializados, facilitando a participación do persoal investigador en convocatorias estatais e internacionais. 

Simplificar e axilizar os procesos de contratación e xestión do persoal de proxectos, mellorando prazos, condicións laborais e apoio na evolución profesional, co obxectivo de reducir cargas administrativas e mellorar a estabilidade e o benestar. 

Mellorar os procesos de apertura, dotación e peche de partidas orzamentarias, reducindo os períodos nos que non sexa posible executar o orzamento.  Dotación de novos medios de pagamento (tarxetas prepagamento, etc.). Claridade e transparencia acerca do uso dos custos indirectos e outras retencións. Retorno prioritario dos custos indirectos ás investigadoras e investigadores que os xeraron.  

Permitir a adenda e modificación dos contratos do persoal investigador, sempre que a convocatoria e a tipoloxía contractual o permitan, para facilitar a incorporación de complementos salariais, a actualización das condicións formativas, a adaptación da xornada laboral ou outros axustes necesarios ao longo da execución dos proxectos. Esta medida permitirá responder con maior axilidade ás necesidades reais dos equipos de investigación, mellorar a capacidade de retención de talento e ofrecer condicións laborais máis flexibles, competitivas e adaptadas á evolución das carreiras investigadoras.  

Permitir que un mesmo contrato de persoal investigador poida ser financiado simultaneamente con cargo a varias partidas ou proxectos, asignando a cada unha delas a porcentaxe correspondente segundo a dedicación efectiva, sempre dentro do marco legal e das condicións das convocatorias. Esta medida reducirá interrupcións artificiais na contratación, facilitará a continuidade do persoal entre proxectos complementarios e permitirá unha xestión máis eficiente, realista e sostible dos recursos humanos da investigación  

Convocatoria anual de bolsas competitivas para que TFM/TFG se desenvolvan en grupos/centros de investigación UVigo (con pequena dotación + gasto de material), orientada a canalizar estudantado excelente cara ao doutoramento e a proxectos, cubrindo así a etapa de espera ata as convocatorias predoutorais. 

Reforzar a capacidade operativa dos centros, institutos e grupos de investigación mediante a dotación de persoal estable de xestión e apoio. O obxectivo é profesionalizar os procesos administrativos e organizativos, mellorando a eficiencia e liberando tempo do persoal investigador para centrarse nas súas tarefas científicas e de transferencia. 

Promover un diálogo activo coa Xunta de Galicia e co conxunto do sistema universitario galego para aliñar obxectivos, incentivos e modelos organizativos dos centros de investigación. O propósito é avanzar cara a un marco máis coherente, coordinado e estratéxico que reforce o impacto científico e a posición da Universidade de Vigo.  

Optimización das sinerxías entre centros e institutos de investigación e centros docentes, especialmente en accións de captación, uso compartido de recursos e xestión de espazos. Mellora da organización do persoal docente e investigador con vinculación a centros, facultades e escolas, co obxectivo de incrementar a eficiencia. Redución de redundancias e eliminación de solapamentos funcionais. 

Impulsar convocatorias institucionais dirixidas a grupos de investigación emerxentes, ofrecendo apoio inicial para o desenvolvemento de proxectos innovadores. Estas convocatorias contarán con avaliación externa e criterios de impacto social, co obxectivo de fortalecer o tecido investigador desde a base e favorecer a xeración de novas liñas de excelencia. 

Reforzar o apoio institucional aos centros de investigación para consolidar e ampliar a súa excelencia. Propoñemos acompañar aos centros xa recoñecidos na súa proxección cara a convocatorias estatais de referencia, como María de Maeztu, e apoiar tamén aqueles con potencial para acadar esta condición, fortalecendo así o posicionamento científico da Universidade de Vigo.  

Impulso decidido das colaboracións co tecido empresarial da contorna, facilitando a participación tanto de grupos consolidados como emerxentes. Inclúe accións de difusión e visibilización, organización de xornadas de encontro, mecanismos de seguimento das colaboracións e apoio activo na identificación e captación de convocatorias de financiamento orientadas á cooperación público-privada. 

Apoio para mellora dos índices de impacto das investigadoras e investigadores.  Programas de formación. Ferramentas institucionais de almacenaxe e difusión. Recomendacións de estratexias coas publicacións. Apoio nas solicitudes de sexenios ou outros complementos relacionados coa investigación e transferencia. Actualización automática dos datos nos portais da universidade e centralización da información. Apoio no uso de  indicadores e métricas responsables, aliñado con DORA e CoARA, que combine métricas bibliométricas internacionais con criterios cualitativos de impacto científico, social e territorial, e que se integre nos procesos de avaliación interna.  

Creación dun paquete institucional para spin-offs de investigadores e estudantado: (1) espazos e servizos compartidos (legal, fiscal, PI, compras), (2) itinerario de incubación/aceleración, e (3) acordos con vehículos de investimento e entidades (capital risco/impacto) para facilitar rondas iniciais. 

Definición dunha estratexia e de programas de apoio para manter, mellorar a xestión e impulsar as infraestruturas de investigación singulares existentes. Impulso á dotación con novas infraestruturas. Participación activa das persoas usuarias e xestoras na toma de decisións.  

Programa estable de doutoramento industrial e proxectos colaborativos de I+D con empresas e entidades, con convocatorias periódicas, incentivos claros e seguimento de resultados en termos de impacto e empregabilidade. 

Constitución dun órgano liderado por PDI e con participación do Consello Social que fomente vínculos coas organizacións cidadáns e coa sociedade en xeral, dando a coñecer os logros asociados á UVigo (de grupos de investigación ou de alumni) e promova actividades que visibilicen e proxecten a UVigo na sociedade a través duna imaxe de excelencia e orgullo, reivindicando o liderado da UVigo como institución universitaria pública na cidade.  

Reforzar o papel das cátedras como instrumento clave de colaboración coa contorna, mellorando os convenios existentes e impulsando novos acordos con empresas e institucións. Apostamos tamén por optimizar a súa xestión, facéndoa máis áxil e eficaz, para incrementar o seu impacto en docencia, investigación e transferencia de coñecemento.  

Crear unha rede de mentores para itinerarios de iniciación á investigación: asignación mentor/mentee, formación curta en ética, datos, publicación e transferencia, e recoñecemento oficial para o estudantado e recoñecemento de dedicación para o PDI. 

Portal Único de Talento Investigador que centralice información, asesoramento e acompañamento en convocatorias estatais e internacionais (Ramón y Cajal, Juan de la Cierva, ERC, MSCA, Xunta, etc.), con persoal especializado e calendario público de convocatorias. 

Programa institucional de retorno e integración que inclúa financiamento inicial competitivo (start-up funds), acceso prioritario a infraestruturas, apoio á formación de equipos e acompañamento administrativo durante os dous primeiros anos. 

Impulsar a incorporación de ferramentas específicas para a xestión de proxectos de investigación, que permitan un seguimento claro de fitos, entregables, resultados e recursos humanos. O obxectivo é mellorar a planificación, o control e a eficiencia na execución dos proxectos, facilitando o traballo dos equipos investigadores. 

Desenvolver unha plataforma institucional de busca en linguaxe natural que permita a empresas, administracións e entidades sociais identificar de forma sinxela grupos, persoal investigador, liñas de investigación, infraestruturas e capacidades de transferencia da UVigo. A ferramenta integrarase coa produción científica, proxectos, contratos, patentes e actividade de transferencia, ofrecendo resultados relevantes e facilitando o contacto a través das unidades institucionais correspondentes.  

O sistema mellorará a visibilidade da investigación da UVigo, reducirá barreiras de acceso á colaboración e facilitará a conexión co tecido produtivo e social. Basearase en criterios de transparencia, actualización continua e representación equilibrada da diversidade de centros, grupos e ámbitos de coñecemento da universidade.  

PI – PROXECCIÓN INTERNACIONAL

Elaborar e implementar un plan integral de internacionalización, con obxectivos, indicadores e financiamento asociados, que consolide a marca internacional UVigo e integre a internacionalización na toma de decisións, na avaliación e na asignación de recursos. Este plan deberá acompañarse da evolución cara a un modelo de responsabilidade compartida, con incentivos aliñados e apoio institucional real, superando a actual fragmentación organizativa e reforzando o papel dos centros, das titulacións e dos servizos.

Crear unha unidade especializada na captación, acollida e xestión de talento internacional nos tres colectivos, académico, administrativo e estudantil, con obxectivos estratéxicos definidos e servizos centralizados, e desenvolver un servizo integral de acollida que inclúa asesoramento en visados, acceso a aloxamento e acompañamento nos procesos de chegada e integración na vida universitaria. Esta estrutura deberá apoiarse nun portal web institucional multilingüe, dirixido á comunidade internacional, que integre información, trámites, matrícula e acceso a servizos.  

Reforzar a reputación internacional da UVigo mediante a promoción activa da produción investigadora, a participación en foros globais e o desenvolvemento de estratexias de comunicación que incrementen a súa visibilidade exterior; desenvolver unha estratexia de imaxe e promoción internacional, incluíndo materiais institucionais, presenza en feiras e eventos e accións coordinadas coa área de comunicación; crear unha unidade específica para analizar, planificar e impulsar accións que melloren o posicionamento da UVigo en ránkings nacionais e internacionais; e impulsar a obtención de acreditacións internacionais de titulacións e centros, como AACSB ou EUR-ACE, para mellorar a calidade, a visibilidade e a captación de estudantado internacional. 

Promover dobres titulacións, títulos conxuntos e programas internacionais en ámbitos estratéxicos, favorecendo itinerarios formativos integrados e mobilidade estruturada, ao tempo que se identifican ámbitos estratéxicos que se poidan beneficiar de políticas de docencia en inglés en titulacións, materias, itinerarios, cursos específicos, títulos propios, escolas estacionais e microcredenciais co obxectivo de atraer estudantado internacional, contando en todo momento co apoio formativo do Centro de Linguas. Esta liña completarase co deseño dunha oferta académica semestral ou estacional, potencialmente plurilingüe, orientada á captación de estudantado internacional e á súa integración posterior.  

Impulsar a internacionalización do persoal académico mediante o apoio a estadías breves en centros internacionais de referencia, a participación en proxectos internacionais, así como a codirección e cotutela de teses de doutoramento con universidades estranxeiras, incorporando tamén a formación lingüística previa cando sexa necesaria para facilitar unha participación efectiva e de calidade. Estas actividades deberán incorporarse de maneira explícita aos procesos de selección, promoción e avaliación do PDI, garantindo que teñan impacto real na progresión profesional, e deberán valorarse de maneira preferente nas solicitudes de períodos sabáticos. Ademais, crearánse convocatorias específicas de financiamento áxil para apoiar iniciativas internacionais lideradas polo PDI (seminarios, workshops, escolas de verán, redes de investigación ou proxectos docentes internacionais) acompañadas de recoñecemento institucional para favorecer a xeración de novas colaboracións académicas e científicas.  

Impulsar unha política proactiva de participación e liderado en alianzas europeas e redes temáticas internacionais, priorizando aquelas aliñadas cos ámbitos de excelencia da UVigo, e desenvolver de maneira complementaria un programa institucional específico para reforzar a relación con Portugal e Latinoamérica, aproveitando a proximidade xeográfica, lingüística e cultural, así como a participación en redes como CEER e UNISF.  

Impulsar de maneira decidida modalidades de internacionalización “na casa” e colaboración docente internacional, como programas BIP (BlendedIntensiveProgrammes), accións COIL (Collaborative Online International Learning), “clases espello”, cotutelas e codireccións internacionais de doutoramento e outras fórmulas de cooperación académica, incluíndo cando proceda titulacións conxuntas, dobres e duais. Ao mesmo tempo, incorporar fiestras de mobilidade e prácticas internacionais nos plans de estudo de grao e posgrao, deseñadas de maneira coordinada entre centros e titulacións para facilitar tanto a participación do estudantado en programas de intercambio como a realización de prácticas en empresas e institucións internacionais, evitando incompatibilidades académicas e atrasos na finalización dos estudos.  

Facilitar a integración temporal de profesorado visitante internacional na docencia regrada das titulacións (POD), favorecendo así a internacionalización real da oferta académica e o enriquecemento da experiencia formativa do estudantado. Complementariamente, establecer e financiar programas estratéxicos de captación de talento académico internacional mediante convocatorias de estadías na UVigo financiadas con recursos propios, tanto a nivel central como a través de centros e unidades de investigación, co obxectivo de atraer perfís de alto nivel e reforzar as redes internacionais. Esta política deberá completarse co desenvolvemento de programas de carreira académica tipo tenure-track orientados á captación de profesorado internacional competitivo, ofrecendo itinerarios claros de incorporación e estabilización, e con programas estruturados de mentoría nos tres campus que faciliten a integración do persoal académico internacional e a súa adaptación á docencia, á investigación e ao sistema universitario da UVigo.  

Potenciar a participación do estudantado en programas de intercambio mediante unha mellor coordinación institucional e contratos-programa con centros e titulacións baseados en obxectivos medibles, garantindo ademais formación lingüística previa ás mobilidades para facilitar unha participación efectiva. Esta liña deberá completarse cun programa de integración do estudantado internacional que impulse iniciativas de voluntariado e embaixadores estudantís para facilitar a súa acollida e integración na vida universitaria. 

Impulsar a participación do PTXAS en programas internacionais de formación e intercambio, facilitando estadías breves en universidades socias, a participación en redes profesionais europeas e en actividades de aprendizaxe mutua, co obxectivo de fortalecer as capacidades institucionais da UVigo na xestión internacional. Ao mesmo tempo, recoñecer de maneira explícita estas actividades de internacionalización nos procesos de avaliación e promoción do persoal administrativo, garantindo que a participación en programas internacionais teña impacto na carreira profesional.  

Establecer e financiar programas de captación de talento administrativo internacional mediante convocatorias específicas de estadías na UVigo, co obxectivo de incorporar novas capacidades e boas prácticas na xestión universitaria, e crear programas de mentoría que faciliten a integración do persoal administrativo internacional e promovan o intercambio de coñecemento e boas prácticas entre institucións.  

Crear o programa “UVigo Compite” de apoio a equipos e proxectos estudantís con proxección exterior, consistente en axudas áxiles para inscricións, viaxes, materiais e comunicación, dirixidas a equipos da UVigo que participen en competicións e retos internacionais, mediante convocatoria continua e soporte loxístico, contribuíndo así a reforzar a marca UVigo e a empregabilidade do estudantado.  

GA – GOBERNO ABERTO

Desenvolver un marco único de planificación e rendición de contas que integre o Plan Estratéxico UVigo 2032, os orzamentos, os indicadores e os informes de execución nun portal accesible con datos abertos e visualizacións comprensibles. Este sistema permitirá o seguimento público do cumprimento dos obxectivos, a comparación de resultados por centros e titulacións e a revisión periódica das políticas institucionais. 

O sistema incorporará mecanismos de validación, revisión e contextualización da información publicada, garantindo que os datos sexan rigorosos, comparables e interpretables, evitando así lecturas erróneas ou simplificadas que poidan distorsionar a realidade da universidade. 

Impulsar un modelo estable de participación da comunidade universitaria que combine orzamentos participativos, carteira permanente de ideas, foros periódicos de rendición de contas e mecanismos regrados de consultas e audiencias públicas antes das decisións estratéxicas. Este modelo garantirá a trazabilidade das achegas e respostas e reforzará a corresponsabilidade na toma de decisións. 

Implantarase un sistema de transparencia normativa baseado nun repositorio único, accesible e comprensible das normas internas. Actualizarase e aplicarase un código ético reforzado, con formación obrigatoria, mecanismos de cumprimento e un servizo de mediación e integridade institucional con enfoque preventivo, orientado a reforzar a confianza e facilitar a resolución construtiva de conflitos. 

Publicar anualmente un informe institucional agregado sobre igualdade, prevención do acoso e violencias sexuais, preservando sempre a confidencialidade das persoas. Este informe incluirá accións preventivas, formación realizada, grao de execución das medidas do Plan de Igualdade e información agregada sobre o funcionamento dos protocolos e os tempos de resposta. O obxectivo é reforzar a transparencia, a confianza institucional e a mellora continua das políticas universitarias. 

Convocarase anualmente un programa de experiencias piloto dirixido aos centros, co obxectivo de impulsar iniciativas de innovación organizativa, infraestruturas, captación ou de relación coa contorna, aliñadas coas súas prioridades estratéxicas. Os centros que o desexen poderán presentar propostas de actuación cunha duración de entre un e dous anos, orientadas a explorar novas formas de funcionamento, mellorar procesos ou desenvolver liñas de actuación específicas que respondan a oportunidades detectadas a nivel de centro.  

As propostas seleccionadas contarán con financiamento específico e apoio institucional, que poderá incluír dotación económica, reforzo de persoal (PTXAS) e/ou recoñecemento en forma de redución docente, en función das características do proxecto.  

O programa establecerá un sistema de seguimento baseado en indicadores e obxectivos previamente definidos. Ao remate de cada experiencia, elaborarase un informe de avaliación que permita medir os resultados acadados, identificar boas prácticas e valorar a súa posible extensión a outros centros da universidade.   

Este instrumento funcionará cunha lóxica semellante ás convocatorias competitivas de proxectos, promovendo a iniciativa dos centros e favorecendo unha cultura de mellora continua, experimentación e aprendizaxe compartida na universidade. 

Establecer un calendario público de procesos e reformas normativas a medio prazo, evitando cambios bruscos ou improvisados. A comunidade saberá con antelación que normas se van revisar, permitindo unha participación máis preparada e unha maior seguridade xurídica para o PDI e o PTXAS. 

Evolucionarase o modelo actual de planificación dos centros cara a un sistema plenamente integrado co plan estratéxico da universidade, superando a lóxica de “mini-plans” illados e avanzando cara a unha planificación coordinada, coherente e útil para a toma de decisións.  

Cada centro elaborará o seu plan de acción aliñado co marco institucional, con obxectivos claros, indicadores comúns e comparables, e mecanismos de seguimento compartidos que permitan avaliar o avance con criterios homoxéneos en toda a universidade. Este modelo apoiarase nun sistema de información robusto e accesible, que garanta a dispoñibilidade de datos fiables e actualizados para a toma de decisións, reforzando o papel do portal de transparencia como ferramenta útil de xestión e non só de rendición de contas.  

A planificación descentralizada converterase así nun instrumento real de mellora, que permita adaptar as políticas á realidade de cada centro, reforzar a coordinación interna e avanzar nunha avaliación máis rigorosa, útil e próxima.  

Establecerase unha partida orzamentaria anual específica destinada a proxectos propostos e votados directamente pola comunidade universitaria, que se implantará de forma progresiva, comezando con iniciativas de pequena escala e impacto inmediato. 

Os proxectos seleccionados deberán contar cunha avaliación previa de viabilidade técnica e económica, garantindo a súa execución real e en prazo. O modelo incorporará criterios de equilibrio territorial entre campus, así como mecanismos de seguimento e trazabilidade que permitan coñecer o estado de execución e o impacto das actuacións financiadas. Este instrumento permitirá financiar iniciativas de mellora da vida nos campus, infraestruturas menores ou actividades culturais, garantindo que unha parte do gasto responda directamente ás prioridades da comunidade universitaria. 

Establecerase un marco regulado para a realización de consultas dixitais e audiencias públicas previas á adopción de decisións estratéxicas, definindo de forma clara os ámbitos nos que serán obrigatorias, especialmente en cambios normativos de especial relevancia, plans de infraestruturas, creación ou modificación de títulos e outras actuacións con impacto estrutural na universidade. 

O modelo incorporará mecanismos que garantan unha participación efectiva da comunidade universitaria, promovendo a implicación do PDI, PTXAS e estudantado mediante procesos accesibles, informados e cun calendario axeitado. Os resultados das consultas serán públicos e a administración deberá motivar de forma expresa a súa decisión final en relación coas achegas recibidas, reforzando a transparencia e a corresponsabilidade nas decisións institucionais.  

Realizar enquisas de satisfacción e clima laboral anuais para todos os colectivos (estudantado, PDI e PTXAS). Os resultados utilizaranse como ferramenta de «escoita activa» para detectar problemas emerxentes, medir o impacto das políticas de goberno e axustar as accións en tempo real. 

Deseñar e impulsar un plan integral de identidade institucional para reforzar o sentimento de pertenza á UVigo, promovendo o orgullo dunha universidade pública, aberta e comprometida. Combinará comunicación interna, recoñecemento da comunidade, visibilización de logros e mellora da vida nos campus, creando unha identidade común entre os tres campus. 

O plan reforzará a conexión coa contorna e a posta en valor da cultura, lingua e ciencia propias, garantindo un orzamento estable para a súa promoción. Impulsarase o uso habitual do galego en docencia, xestión e comunicación, con obxectivos medibles e avaliación periódica. Incluirá accións como programas de embaixadores, iniciativas culturais e científicas, eventos, merchandising e unha identidade visual recoñecible, co obxectivo de consolidar unha marca UVigo forte, coherente e compartida.. 

Convocatoria anual con baremos públicos, tramitación simplificada e xustificación proporcional. Publicación de proxectos financiados e resultados para fortalecer a participación real sen burocracia. 

Difundir periodicamente informes de contabilidade analítica que permitan á comunidade coñecer en que se empregan os fondos. Esta transparencia facilitará un control do gasto máis eficiente e unha planificación orzamentaria máis xusta e equilibrada entre as distintas áreas e campus. 

A información publicada irá acompañada de explicacións e contexto que permitan unha interpretación adecuada dos datos, garantindo unha transparencia útil e responsable. 

Promover unha gama de programas de formación destinados a difusión das ferramentas básicas en xestión pública, con carácter xeral, e a promoción e capacitación dos cadros directivos de centros, departamentos e grupos de investigación. 

O Equipo de Goberno traballará directamente con e a través da Administración Universitaria, sen atallos. So haberá una dirección de area, como máximo dúas, por vicerreitoría e con funcións exclusivamente políticas. 

Garantiremos o exercicio efectivo, accesible e transparente dos dereitos de participación democrática mediante a implantación dun sistema de votación electrónica aplicable tanto aos procesos electorais como aos mecanismos de consulta e participación.

DBP – DESENVOLVEMENTO E BENESTAR PROFESIONAL

DBP 1. Deseñar e poñer en marcha o IV Plan de Igualdade UVigo (2026-2030) 

UVigo precisa un novo Plan de Igualdade máis actualizado, máis operativo e con maior capacidade de execución. O IV Plan de Igualdade UVigo (2026-2030) incorporará medidas concretas, calendario, responsables, recursos e indicadores públicos de seguimento, co obxectivo de avanzar na igualdade real en toda a vida universitaria. O plan porá o foco na redución das fendas de xénero na carreira académica e investigadora, na conciliación corresponsable, na prevención e resposta fronte ao acoso sexual, ao acoso por razón de sexo e ás violencias sexuais, así como na incorporación transversal da perspectiva de igualdade na docencia, na investigación, na xestión e na toma de decisións.  

Crear e dotar un servizo estable de atención psicolóxica gratuíta para toda a comunidade universitaria, con atención presencial e en liña, protocolos de derivación e programas preventivos de promoción da saúde mental. Este servizo incorporará tamén un circuíto prioritario, confidencial e coordinado para situacións de acoso, discriminación e violencia sexual, co obxectivo de ofrecer unha resposta rápida, especializada e centrada no benestar e na recuperación das persoas afectadas.  

Crear unha figura institucional de acompañamento e apoio especializado para as persoas que activen, ou estean valorando activar, o protocolo fronte ao acoso sexual, ao acoso por razón de sexo e ás violencias sexuais. Esta figura ofrecerá información clara sobre dereitos e procedementos, acompañamento continuado ao longo de todo o proceso, apoio na relación coa institución e coordinación cos servizos psicolóxicos, xurídicos e sociais cando sexa necesario. O obxectivo é evitar a soidade, a desorientación e a revitimización, garantindo unha resposta máis humana, próxima e segura. 

Aprobar un regulamento institucional que estableza criterios claros e comúns de conciliación, flexibilidade horaria, teletraballo parcial, dereito á desconexión dixital e organización saudable dos tempos de traballo, garantindo a equidade entre colectivos e unidades. O marco deberá incluír tamén medidas específicas de apoio á conciliación familiar, ao coidado e á dependencia, así como a simplificación dos procedementos de solicitude de permisos, licenzas e reducións de xornada mediante tramitación dixital, reutilización de datos e resolucións automáticas nos supostos estandarizados.  

Establecer un sistema áxil de apoios económicos e bolsas de emerxencia para o estudantado con maiores dificultades, complementado cunha política activa de aloxamento accesible. A UVigo impulsará unha bolsa universitaria de aluguer, baseada en acordos con persoas propietarias e administracións públicas, para facilitar vivenda en condicións de prezo moderado, estabilidade e habitabilidade. O sistema incluirá asesoramento en vivenda e axudas, criterios transparentes de asignación, mediación e acompañamento, co obxectivo de reducir barreiras económicas, mellorar a permanencia nos estudos e reforzar a igualdade de oportunidades.  

Constituír un servizo específico de orientación e apoio ao alumnado con necesidades especiais, dotado de persoal especializado e recursos tecnolóxicos adaptados, debidamente coordinado cos centros, cos grupos de investigación e co profesorado. 

Poñer en marcha programas institucionais de mentoría académica e profesional, con participación de egresados/as e profesionais, recoñecemento da actividade titorial e sistemas de analítica de risco que permitan detectar situacións de abandono, sobrecarga ou dificultade de integración e activar intervencións temperás. 

Definir e publicar itinerarios de carreira investigadora e docente con fases, fitos, criterios de avaliación e prazos previsibles, incluíndo modelos tipo tenure track, avaliación externa e mecanismos de acompañamento e mentoría. 

Establecer un programa estable e planificado de promoción do PDI acreditado para facilitar o tránsito desde as figuras laborais permanentes á categoría de Titular de Universidade, mediante convocatorias regulares, previsión plurianual de prazas e criterios públicos transparentes. Nos casos en que exista candidatura única e a normativa o permita, impulsaranse procedementos internos máis áxiles e simplificados, reducindo trámites, cargas administrativas e tempos de resolución sen menoscabo das garantías legais.  

Establecer plans de desenvolvemento profesional para o PTXAS que inclúan formación continua, acreditación de competencias, mobilidade interna, promoción e recoñecemento das funcións asumidas, aliñados coa modernización da administración universitaria. Impulsar un modelo de carreira profesional horizontal.  

Isto deberá ir acompañado da revisión e actualización da RPT do PTXAS, nun prazo máximo de doce meses, para adecuar a estrutura administrativa á necesidades reais da Uvigo e manter esa adecuación como unha constante na xestión dos RR.HH.  

Garantir a estabilidade e dotación da unidade responsable da normalización lingüística, cunha carta de servizos pública, presenza efectiva e mecanismos de coordinación institucional e interinstitucional. 

Introducir mecanismos de planificación anticipada da carga docente, investigadora e administrativa que permitan ás persoas organizar o seu tempo a medio prazo e reducir a incerteza nas condicións de traballo, incorporando previsións plurianuais e ferramentas dixitais de planificación que faciliten anticipar cambios, evitar sobrecargas imprevistas e mellorar o benestar laboral. 

Crear espazos físicos e dixitais para a convivencia e a innovación social en Ourense, Pontevedra e Vigo. Reforzarase o programa de voluntariado  para incentivar a participación da comunidade en proxectos sociais, ONG e actividades de compromiso co territorio. 

Executar un plan de renovación e dotación de espazos deportivos nos tres campus, incluíndo zonas de fitness e pausas activas. A medida inclúe o fomento da conciliación académica e deportiva para deportistas de alto nivel e a promoción de hábitos de vida saudables para toda a comunidade.  

Na actualidade temos sen revisar o III Plan de Igualdade4. O novo plan porá o foco na eliminación da fenda de xénero na investigación, na conciliación corresponsable e na prevención de calquera forma de acoso ou discriminación.  

Incrementar de maneira significativa o número de psicólogos/as, psiquiatras e profesionais de benestar no servizo de atención psicolóxica, reducindo o tempo de espera e garantindo a diversidade dos provedores.  

Adoptar un modelo de atención que combine asesoramento preventivo, grupos de apoio, talleres e terapia individual, asignando o recurso adecuado a cada situación e coordinando os servizos internos e externos.  

Establecer unha mesa institucional con empresas, institucións públicas e representantes do estudantado para abordar a empregabilidade, as prácticas e a formación dual.  

Negociar con concellos e deputacións plans conxuntos de vivenda asequible, transporte público integrado e mellora das infraestruturas para os campus.  

Desenvolver unha política deportiva dirixida a todos os colectivos, con particular atención aos sectores máis desfavorecidos, e formalizar convenios con entidades deportivas de base para promover hábitos saudables.  

Crear un Campus da Saúde plenamente integrado que coordine docencia, investigación e servizos hospitalarios, con delegado/a específico/a para xestionar esta infraestrutura.  

Implantar o acceso a través do portal MeUVigo aos servizos de benestar (saúde mental, benestar físico, conciliación, apoio social e económico), que centralice a atención, evite duplicidades e incorpore indicadores de uso, tempos de resposta e impacto para a súa avaliación continua. 

SXR – SUSTENTABILIDADE E XESTIÓN DOS RECURSOS

SXR 1. Desenvolver un Plan integral de sustentabilidade ambiental, acción climática e xestión de recursos naturais 

Desenvolver e implementar un plan integral de sustentabilidade ambiental que articule de maneira coherente a acción climática, a xestión eficiente dos recursos e a protección da biodiversidade nos tres campus da UVigo. Este plan incorporará un modelo de “residuo cero”, promovendo a redución do consumo, a separación en orixe e a eliminación progresiva dos plásticos dun só uso, así como a implantación de compras e eventos verdes. Paralelamente, establecerase un sistema intelixente de xestión do ciclo da auga que permita optimizar o seu uso e mellorar a eficiencia hídrica.   

O plan garantirá a integración transversal dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) na docencia, na investigación e na xestión diaria da universidade, consolidando un modelo institucional comprometido coa sustentabilidade ambiental e social.  

Desenvolver ferramentas de simulación financeira vinculadas ao xemelgo dixital que permitan analizar diferentes escenarios de ingresos, gastos e investimentos, apoiando a toma de decisións estratéxicas e a planificación a medio e longo prazo. Deseñar, dende esta análise, co apoio de toda a comunidade universitaria, a estratexia e as bases de negociación do novo plan de financiamento para UVigo. 

Para este fin, constituirase un grupo de traballo multidisciplinar que prepare a posición da UVigo e favoreza unha estratexia coordinada co Sistema Universitario Galego e coa Xunta de Galicia de cara ao novo plan de financiamento. 

Desenvolver un modelo de campus intelixente baseado en datos que permita optimizar o uso de enerxía, espazos e recursos en tempo real, reducindo custos, mellorando a sustentabilidade e facilitando a toma de decisións baseada en evidencias. 

Realizar auditorías financeiras, de cumprimento e operativas de forma periódica con criterios de eficiencia e sustentabilidade. Estas actuacións permitirán optimizar o uso dos recursos, mellorar a planificación e aumentar a transparencia na xestión económica. Comezaremos por unha diagnose detallada da actual situación económico-financeira da UVigo co obxecto de coñecer a realidade das súas contas e facilitar o seu coñecemento ao conxunto da comunidade universitaria. 

Impulsar campañas de mecenado e patrocinio con retorno social, xunto coa oferta de servizos universitarios, consultoría e formación continua como fontes de ingresos propios. Crear ou reforzar oficinas especializadas na captación de fondos europeos e na participación en clústeres e alianzas estratéxicas, garantindo coordinación e apoio técnico aos equipos implicados.  

O Plan Director de Infraestruturas priorizará a reforma, ampliación e modernización dos edificios, laboratorios e recursos existentes baixo criterios de eficiencia enerxética e accesibilidade universal. Complementariamente, actualizarase o inventario de bens e implantarase un sistema centralizado de reserva de espazos para garantir a súa máxima ocupación.  

Deseñar e aplicar plans de mobilidade específicos para a comunidade universitaria que prioricen o uso eficiente do transporte público e colectivo. Fomentaremos os desprazamentos sostibles cara aos campus e entre eles, buscando a colaboración continua con concellos e operadoras para adaptar as rutas ás nosas necesidades reais.  

Eliminar todas as barreiras arquitectónicas, cognitivas e sensoriais nas instalacións da UVigo. O noso obxectivo é garantir que calquera persoa poida desprazarse, acceder á información e participar na vida universitaria en plena igualdade de condicións.  

Actualizar e pór en práctica de forma rigorosa os protocolos de emerxencia e seguridade mediante simulacros periódicos e plans de formación continuada. Potenciaremos a área de Prevención de Riscos Laborais (PRL) para garantir que as nosas contornas de traballo e estudo sexan espazos 100 % seguros.  

Complementar o programa Campus Saudable e o Plan Director de infraestruturas con espazos de innovación social (laboratorios cidadáns, FabLabs e cátedras sociais) abertos á comunidade como espazos de colaboración real entre universidade, empresas e sociedade. 

Asignar temáticas prioritarias aos orzamentos participativos (biodiversidade, descarbonización, saúde e benestar mental, transformación dixital, comunidade universitaria e formación) para orientar as propostas e garantir unha repartición equilibrada dos fondos aliñando a participación coa estratexia da universidade e coas prioridades sociais e ambientais.  

Deseñar un plan de sinalización externa e comunicación visual que faga recoñecibles e máis visibles os edificios e campus da universidade nas cidades onde se sitúan. 

Crear a Comisión de Embaixadores do Coñecemento: unha rede estratéxica integrada por PDI para dar a coñecer o liderado científico da UVigo no corazón de Ourense, Pontevedra e Vigo. A presenza constante en prazas, empresas, colectivos sociais e espazos públicos, visibilizará os logros e a excelencia da UVigo desterrando o mito da “universidade afastada”. A divulgación dos logros investigadores será un activo cotián coñecido pola sociedade local, reforzando o orgullo de institución propia, a captación de alumnado e a posición hexemónica da nosa universidade fronte ao avance de outras alternativas, consolidando a UVigo como un selo tanxible, esencial e irrenunciable de identidade das súas tres sedes.